Damos conta da seguinte nova sobre a redución do servizo de copistaría no noso campus a todos os estudantes. Desde os Comités xa afirmamos que a universidade non fixera nada durante os longos sete meses que transcorreron (desde maio) desde a saída a concurso do servizo ata a sinatura dun novo acordo con UNICOPIA este xoves 17 de decembro. Mais hai que admitir que finalmente desde os xestores nos enmedaron a plana:
A actuación foi aínda peor que non facer nada, por que as máquinas non estarán á volta das vacacións nas oficinas correspondentes aos centros de Humanidades, ADE e mais Ciencias, ademais de vérense recurtados os horarios nas oficinas de Maxisterio e Intercentros (máis abaixo podedes ler a información que nos facilitou a Vicerreitoría de Coordinación con detalle). Visto así non semella tan grave como se puidera agardar; logo de 7 meses de rumores de corredor e a falta de informacións oficiais para o estudantado durante todo este tempo, podiamos prever un resultado ben peor. Non semella grave, como digo, pero é grave posto que significa que a universidade renunciou a defender os servizos básicos, moi necesarios para o desenvolvemento eficaz da actividade diaria da comunidade universitaria, ademais de seren dereitos básicos da mesma. Alguén se preguntará por qué manter un oficina nun centro de copistaría nun determinado centro (afirmando a empresa que lle dá perdas) é un deber dos responsables académicos.
Pois ben, moi ao contrario do que habitualmente se cre, a universidade ten o deber de servir á sociedade (e non a SA, como pensan desde o Consello de Goberno) para o necesario desenvolvemento dunha cidadanía crítica que cuestione a permanencia das numerosas inxustizas dentro do neoliberalismo. Facilitar o acceso e permanencia dos cidadáns no ensino superior, permitindo a normal actividade docente e extracurricular con servizos eficientes, económicos e de calidade. Por suposto, débense implementar outro tipo de medidas moito máis amplas coma a de reducir o pago das taxas directas, aumentar os orzamentos para esta área -bolsas, inversións en persoal e infraestruturas...
Os criterios para xestionar unha copistaría nunha faculdade han de ser ben diferentes aos dunha empresa privada e se a universidade ten que aportar fondos para o mantemento da mesma, tal e como fai coas 12 vicerreitorías que a día de hoxe existen na USC. O paso máis grave da externalización dun servizo público sempre é o peche do propio e un desleixo moi grave por parte da administración, que é a que debe velar polo valor social dunha copistaría.
Desde os Comités estaremos moi atentos a esta nova situación que moi probablemente degradará a vida do estudantado, tal e como nolo avanza o feito de que unicamente se oferte un servizo presencial para os profesores de recollida de documentos. Aos estudantes só nos queda enlamar os tenis, que non usamos calzado de coiro coma outros, para chegar ata a copistaría máis próxima.
Información facilitada a través do servizo da USC Lugo Difusión. Transcribimos:
A partir de xaneiro de 2010 o servizo de reprografía que se viña prestando nos centros universitarios do Campus de Lugo sufrirá unha importante reestruturación como consecuencia dos procesos de licitación[1] que se fixeron nos últimos meses.
O dito servizo pasará a prestarse en 4 locais do Campus, ubicados nos seguintes centros:
Lugar | Horario |
Escola Politécnica Superior (planta baixa, pavillón central) | 09:30 – 13:30 / 16:00 – 20:00 |
Facultade de Veterinaria (pavillón de Aulas) | 09:30 – 13:30 / 16:00 – 20:00 |
Escola Universitaria de Formación do Profesorado | 09:30 – 13:30 |
Biblioteca Intercentros | 16:00 – 20:00 |
A empresa que prestará o dito servizo continuará a ser Unicopia.
Por outro lado habilitaranse algunhas medidas adicionais para facilitar a utilización do servizo por parte do persoal dos centros:
- Servizo diario de recollida nos centros de traballos, e entrega ao día seguinte (a frecuencia deste servizo pode aumentarse en momentos puntuais ou para encargos urxentes que o requiran)
- Enderezo de correo electrónico, que se facilitará proximamente, para o envío dos traballos, e servidor FTP para a mesma finalidade.
- Colocación de máquinas de autoservizo; inicialmente está prevista unha na Biblioteca Intercentros
- Posible colocación de máquinas para realizar traballos urxentes por parte do profesorado dos centros. O custe destes traballos seralle facturado como se viña facendo hasta este momento.
[1] Á licitación realizada no mes de abril de 2009, en condicións similares ás que viñan existindo, non se presentou ningunha proposta. Esta foi a razón que impulsou a redución de puntos de prestación do servizo, coa intención de facer viable a súa continuidade
Lugo, 18 de decembro de 2009.
VICERREITORÍA DE COORDINACIÓN DO CAMPUS DE LUGO
... todo isto quere dicir que os profesores si van ter onde facer as catro copias que nos dan sen ter que sair das facultades pero os alumnos que nos den...o conto de sempre.
ResponderEliminarPois en principio si será así. De feito a situación da Faculdade de Humanidades é que os profesores poderán usar unha fotocopiadora que empregaba o PAS para traballos de última hora ou cousas non moi numerosas. Falamos co decano este martes e quedou en avisar aos profesores para que en vez de deixar as copias na EPS que nolas entreguen na clase xa que non somos moitos. Por outra banda, solicitamos unha máquina a moedas ou de tarxeta cun técnico que sería o mesmo da furgoneta do reparto diario para o corredor que compartimos cos de Enfermaría e mais os de Relacións. El dixo que falaría ese mesmo día coa responsable de UNICOPIA e a ver se hai sorte. Tamén a faculdade nos asignará unha computadora nova para os traballos que nós representantes de estudantes. Nós temos moi claro que presionaremos até onde faga falta para ter ese servizo (devaluado pero en fin) este curso.
ResponderEliminarAnimamos a que o resto dos centros que quedaron sen copistaría a que reclamen e exixan este servizo básico.